Tuesday 07 de May de 2024

Inés Rey avoga por recuperar a tradición e singularidade do Entroido coruñés e honrar ás persoas que o fixeron posible


A alcaldesa fixo o saque de honra do partido de fútbol feminino entre o Relámpago e o Eirís e presidiu a homenaxe a Romualdo Irijoa no Andar do Entroido

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este martes a programación municipal do Entroido 2023. A rexedora foi a encargada de facer o saque de honra do partido de fútbol feminino disputado entre Relámpago e Eirís no campo de fútbol Víctor Fernández Alonso. Rey tamén presidiu o acto de homenaxe a Romualdo Irijoa, ao que se lle colocou unha placa no Andar do Entroido.

A xornada comezou cunha cita moi sinalada e especial, a recuperación do partido de fútbol feminino de solteiras contra casadas que se disputaba nos anos 60 no campo do Relámpago de Elviña. Nesta ocasión, o duelo estivo protagonizado polo propio Relámpago e o Club Eirís Sociedade Deportiva. “Na Coruña sempre fomos pioneiros no fútbol feminino.

Aqueles partidos de solteiras contra casadas do martes de Entroido racharon estereotipos, igual que fixo Irene González Basanta, que foi unhas cantas décadas antes exemplo para nenas e mulleres”, sinalou a alcaldesa Inés Rey, que estivo acompañada no saque de honra por Marujita Tasende, Estrella Palomo e Ángeles Maceiras, veteranas xogadoras dos partidos disputados nos anos 60.

O encontro rematou 2-1 favorable ao Relámpago. O ambiente festivo reinou fóra e dentro do terreo de xogo. Rey celebrou a recuperación desta tradición como recoñecemento ás mulleres pioneiras no eido deportivo na Coruña.
Por outra banda, durante a mañá deste Martes de Entroido se levaron a cabo diferentes ofrendas florais ás persoas impulsoras das celebracións na cidade: Fernando Cantero, Canzobre e Palau.

Por último, Inés Rey presidiu o descubrimento da lousa de pedra no Andar do Entroido en homenaxe a Romualdo Irijoa Chans. Esta iniciativa, un paseo da fama á coruñesa, foi posta en marcha o pasado 2022 co obxectivo de lembrar ás figuras impulsoras do entroido.
“Durante décadas, esta rúa da Torre, no barrio de Monte Alto, foi o epicentro da movida choqueira. Por iso, o ano pasado quixemos ir un paso máis alá e convertela no noso particular paseo da fama do Entroido”, sinalou Rey.

Os choqueiros e choqueiras interpretaron unha copla na honra de Romualdo, que se amosou moi agradecido polo recoñecemento. A alcaldesa eloxiou a “capacidade que teñen as comparsas, ano a ano, de revitalizar as rúas e implicar á cidadanía nun festexo que forma parte do noso patrimonio cultural, patrimonio co que este Goberno municipal asumiu un compromiso firme: o de coidar a lembranza de figuras como Romualdo para que as vindeiras xeracións recollan o seu legado”.